Carta de Presentación

De Labañou a Vilcabamba.

Un proxecto de irmanamento entre dous pobos.

Cando os conquistadores españois en 1572 tomaron Vilcabamba la Grande, a última capital do imperio Inca, onde se refuxiaba o Inca Tupac Amaru, encontráronse unha cidade en chamas. Remataba así a feroz resistencia dos incas rebeldes de Vilcabamba. Unha nova sociedade, produto do choque da cultura quechua e a española, substituíu o imperio Inca.

Trescentos anos despois, a cidade mítica de Vilcabamba, a cidade perdida, comezou a ser buscada sen éxito por exploradores de todo o mundo. A localización do lugar onde viviron os últimos incas rebeldes, con todos os seus segredos, e quizais os seus tesouros, foi ocultada ao mundo e á historia pola maleza e a Pachamama, a nai terra.

Adxudicáronselle moitos lugares, Machu Pichu foi unha candidata, tamén a cidadela de Vitcos, Espírito Pampa..., pero ata o momento todas foron falsas ilusións.

A aparición dun documento dun cronista da conquista do Perú, Juan de Betanzos, abriu novas pistas para a definitiva localización de Vilcabamba la Grande.

Os coruñeses Santiago del Valle, xornalista, e o médico Xosé Anxo Vidal comezaron, en 1997, a apaixonante aventura da busca da cidade perdida.

Ao tempo que as súas expedicións por esta inhóspita serra de Vilcabamba ía achegándoos cada ano un pouco máis ao obxectivo, tamén os achegou a aquel pobo quechua, tan acolledor, que se encontra agora nunha tráxica situación de pobreza.

Os descendentes do orgulloso pobo inca encóntranse agora esquecidos do mundo, sobrevivindo apegados á terra, loitando contra os elementos e a miseria.

Incomunicados, sen auga potable, sen teléfono, cunha única pista de terra de 100 quilómetros para un distrito cunha superficie similar á metade da provincia de Pontevedra. A súa impresionante paisaxe e a súa calidade de vida lémbrannos á serra dos Ancares, na nosa Galicia de hai 80 anos.

Xa na Coruña, a finais do ano 1998, no barrio de Labañou, se concreta a idea dun irmanamento cidadá con aquel pobo dos Andes peruanos.

Algúns cidadáns e profesionais do barrio deciden embarcarse nun proxecto que permitía concretar as ideas solidarias que moitos levan dentro. Naceu así un proxecto cidadán, aberto e participativo, que deseguida tivo resposta nun barrio, onde dende hai 20 anos se vive unha moi interesante experiencia de desenvolvemento e participación comunitaria, o chamado Plan Comunitario do distrito Quinto.

A idea central consiste en promover un irmanamento entre os cidadáns dos dous pobos nunha dobre dirección:

  1. En Vilcabamba trátase de facilitar un cambio, un espertar, un impulso aos vilcabambinos/ás máis inquedos e activos, para desencadear un proceso de desenvolvemento protagonizado por eles mesmos, respectuoso co medio e coa súa cultura. Nese proceso, nós somos os seus socios, os seus colaboradores, os seus irmáns. Os seus problemas son os nosos.
  2. Na Coruña, en Labañou, tamén somos beneficiarios do proxecto. Axúdanos a recuperar valores como a solidariedade, a paz o respecto pola diferenza, e facémolo no concreto. Coñecer e aprender daquel pobo sitúanos de novo no mundo, lémbranos o que somos e ensínanos a ver mellor os nosos defectos e problemas.
    Nenos dos colexios de Labañou, xuventude, mulleres, comerciantes, profesionais e cidadáns en xeral do barrio de Labañou e da cidade da Coruña coñecen e participan do proxecto.

Pasaron xa doce anos, moitas expedicións a Vilcabamba, e o proxecto de irmanamento foi medrando e dándose a coñecer.

Duns obxectivos moi centrados na Atención Primaria de Saúde foise pasando a un Plan de desenvolvemento comunitario no distrito de Vilcabamba. Constituíuse un Grupo Xerador de Avance Distrital (GGAD) polos propios vilcabambinos/ás e varias asociacións de mulleres e mozos que, xunto ás organizacións campesiñas xa existentes, algúns mestres e sanitarios, comezan a protagonizar un proceso colectivo que lles permita enfrontar os seus problemas e dar un salto adiante.

Trátase dun proceso lento onde se van implicando líderes formais e informais do distrito de Vilcabamba, e que conta co barrio de Labañou, onde unha constituída ONG de carácter cidadá Labañou Solidaria colabora con diversos proxectos e programas.

Estes programas e actividades, que veñen amplamente reflectidas nesta páxina Web, teñen que ver coa Atención Primaria de Saúde, educación e cultura, desenvolvemento económico e dinamización social.

Tamén aparecen moi ben reflectidas nos dous documentais que a produtora IJV realizou nos anos 2000 e 2002.

A este lado do Atlántico, a primeiros de xullo, veciños de Labañou fan unha sardiñada para conseguir diñeiro para o proxecto. Véndense camisetas, organízanse ceas-baile, concertos, etc.

Por todos lados xorden colaboradores e amigos que arriman o ombro e o peto, e séntense partícipes do proxecto.

Todos os anos, nun acto público se informa das viaxes, réndense contas, preséntanse imaxes, dáse a coñecer o proxecto.

Somos a primeira e única ONG que chegou ao distrito de Vilcabamba. Xa estiveron en Vilcabamba moitas persoas nestes doce anos. Sempre vai xente nova con algúns veteranos, porque se estiveches alí quedas enganchado para sempre.

O proxecto de irmanamento Labañou-Vilcabamba está vivo, medra e consolídase día a día. Xa dispón dunha ONG,Labañou Solidaria, con 150 socios, un local cedido pola Asociación de Veciños de Labañou, o apoio da Asociación Comunitaria do Distrito Quinto e moitos/ás amigos/ás que colaboran no Proxecto.

Xa temos unha casa en Vilcabamba (a Casa Labañou), e unha presenza e influencia moi importante entre a poboación, somos "os españois" como nos chaman en Vilcabamba.

Estamos a promover dende 2005 Vilcabamba como destino turístico. Promovemos un turismo para os non turistas, para os que queiran integrarse no terreo, vivir a natureza e coñecer os pobos sen complexos, respectando o medio e xerando riqueza.

Estamos a promover dende 2008 pequenas iniciativas empresariais a partir das mulleres vilcabambinas, mediante un Fondo de microcréditos.

Dende 2011 comezamos un Proxecto de Comercio Xusto no val de San Miguel, un val moi afastado e incomunicado do distrito de Vilcabamba a 1.500 m de altitude (cella de selva), onde a poboación vive do café e o cacao.

En Vilcabamba sempre nos reciben cunha gran pancarta: "Benvidos amigos de Labañou". Logo fan unha festa, os nenos póñense os seus traxes tradicionais, bailan e cantan. Os dirixentes non se cansan de dar discursos, as mulleres fan rosquillas e todos bailamos os huainos collidos da man.

Cando marchamos, invitamos nós a chancho con papas e iuca, e tamén damos discursos e bailamos, e as mulleres fan rosquillas.

Estamos, dalgún xeito, a saldar unha débeda de hai case 500 anos, e ao mesmo tempo, volvemos ás nosas orixes, ao importante e transcendente. O que estivo alí regresa un pouco distinto, pensando en que outro mundo é posible.